Saltar ao contido

Tractatus theologico-politicus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tractatus theologico-politicus
Autor/aBaruch de Spinoza
Lingualingua latina
Data de pub.1670
Na rede
BNE: XX3385294
editar datos en Wikidata ]

O Tractatus theologico-politicus ou Tratado teolóxico-político é un tratado de filosofía do pensador holandés Baruch de Spinoza (1632-1677), publicado orixinalmente en neolatín en 1670. Trátase dun dos textos máis importantes e polémicos da modernidade. O seu obxectivo é "liberar ao individuo do xugo da superstición e da autoridade eclesiástica".[1] No libro, Spinoza expón a súa opinión sobre as relixións xudía e cristiá da súa época, ao tempo que analiza criticamente a Biblia, en particular o Antigo Testamento. Tamén explora a cuestión dos roles da relixión e do estado, concluíndo que o modelo político ideal é unha democracia que garanta a liberdade de expresión e de relixión, como o Amsterdam da súa época.

A obra foi descrita como "un dos sucesos máis significativos da historia intelectual europea", ao sentar as bases do liberalismo, o secularismo e a democracia.[2]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

A tolerancia relixiosa da que se oufanaba a República dos Países Baixos comezou a poñerse en cuestión cara a mediados do século XVII. A guerra contra Inglaterra polo control das rutas comerciais e os dominios imperiais afectou á economía do norte dos Países Baixos. Os líderes conservadores da Igrexa Reformada Neerlandesa coaccionaron ás autoridades civís para limitar a liberdade de expresión e a circulación de ideas contrarias ao seu dogma. Esta esfera política conservadora aspiraba a recuperar a posición de estatúder ou xefe de estado para a Casa de Orange.

Durante o primeiro período sen estatúder (1650-1672), Johan de Witt exerceu a xefatura do estado, aplicando unha política de tolerancia relixiosa que contribuíu á prosperidade do país. As persoas xudías, que constituían unha parte esencial do sector comercial, podían practicar abertamente a súa relixión. Existían tamén moitas seitas cristiás que contribuíron á base relixiosa e intelectual da República. Algúns disidentes comezaron a contradicir ás autoridades relixiosas e, incluso, á relixión mesma. Entre eles atopábase o propio Spinoza, que acabou por ser expulsado da comunidade xudía de Amsterdam en 1656. Así mesmo, un dos seus amigos, Adriaan Koerbagh (1633-1669), publicou dúas obras criticando a relixión. Estes libros tiveron unha ampla difusión ao estar escritos en holandés e non en latín, o que chamou a atención das autoridades, que ordenaron o seu arresto. Koerbagh faleceu en prisión pouco tempo despois. O seu pasamento foi un duro golpe para Spinoza, que en resposta empezou a redacción do Tractatus theologico-politicus.[3] Comprendendo o perigo de escribir en vernáculo, decidiu empregar o latín. A diferenza da súa obra mestra, a Ética demostrada segundo a orde xeométrica (1677), o Tratado é un texto máis accesible, centrado na relixión e a política e non na metafísica.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A obra consta de 20 capítulos e un prefacio. A meirande parte dos capítulos versa sobre temas relixiosos, namentres os derradeiros cinco falan sobre o estado. A seguinte listaxe recolle os seus títulos:

N.º Título
0 Prefacio
1 Sobre a profecía
2 Sobre os profetas
3 Sobre a vocación dos hebreos
4 Sobre a lei divina
5 Sobre as cerimonias e as narrativas
6 Sobre os milagres
7 Sobre a interpretación das Escrituras
8 Pentateuco, Xosué, Xuíces, Rut, Samuel, Reis
9 Máis cuestións sobre os mesmos libros
10 O resto dos libros do Antigo Testamento
11 Apóstolos e profetas
12 A lei divina e a palabra de Deus
13 As ensinanzas das escrituras
14 Fe e filosofía
15 Teoloxía e razón
16 Fundamentos do estado
17 O estado hebreo e o tempo de Moisés
18 O estado hebreo e a súa historia
19 Os poderes soberanos e a relixión
20 O estado libre
  1. Smith 1997, p. 197.
  2. Nadler 2011, p. xi.
  3. Nadler 2011, pp. 38-45.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]