Fávila (duque)
Nome orixinal | (la) Favila |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século VII |
Morte | século VIII |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Visigodo |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata |
Outro | |
Título | Dux |
Cónxuxe | valor descoñecido |
Fillos | Paio de Asturias, Anonyma (en) |
Pais | Agila (pt) e Divigra (en) |
Parentes | Chindasvinto () Suintila (avó) |
Fávila, tamén chamado Fáfila,[1] foi un duque (dux) e pai de Don Paio.
Orixes
[editar | editar a fonte]A orixe goda do seu fillo Paio menciónaa o cronista árabe Ibn Khaldun citando a Ibn Hayyan.[1] Xa contra o século VIII a fusión entre os galaicorromanos e xermanos (suevos e visigodos) era unha realidade e «a raza deixara de ser un dato relevante», por tanto, é de supor que «o máis probábel é que polas súas veas [as de Paio] correse sangue de ámbolos pobos».[1] Esta posibilidade refórzase polas orixes dos nomes, sendo Fávila ou Fáfila de orixe xermánica mentres Paio era un nome de «vello raizame romano»[1] e así é mencionado polo autor árabe do Aljab machmu'a, quen o describe como «romano».[2]
Christian Settipani conxectura —baseándose na onomástica, na cronoloxía, en elementos biográficos e no testemuño das crónicas—, que Fávila descendía (por varonía) de Leovixildo e Recaredo I (ex semine Leuvigildi et Reccaredi progenitus) e era fillo do conde visigodo Axila e da súa muller Divigra e, por tanto, tío paterno e curmán-tío materno de Pedro de Cantabria.[3] As crónicas declaran que os reis ástures son descendentes de Leovixildo e Recaredo e tratan de crear unha falsa continuidade institucional entrámbalas realidades políticas. A moderna historiografía coincide en que a causa final deste fenómeno radica no que se denomina «neogoticismo», que respondía a unha rede de intereses políticos e ó reforzamento do prestixio persoal de Afonso III.[a]
Fontes históricas
[editar | editar a fonte]Segundo a copia da Crónica albeldense (ano 883) realizada no século IX no mosteiro de San Millán de la Cogolla que conserva a Real Academia da Historia (Códice emilianense nº 39), Fávila foi un dux visigodo e o pai de Don Paio:[5]
Vitiza reinou dez anos. En vida de seu pai morou na cidade de Tui, de Galiza. Alí estaba tamén o duque Fávila, pai de Paio, enviado polo rei Éxica. Por un motivo ocasionado pola súa esposa (ou ben por outra muller), bouroulle na cabeza cun bastón (Vitiza a Fávila), o que lle produciu despois a morte. E cando Vitiza ocupou o Reino de seu pai, daquela Paio, fillo de Fávila, o que despois se sublevaría cos asturianos contra os sarracenos, foi desterrado da cidade rexia (Toledo).[6]
Que Fávila fose duque e pai de Paio é un dato que recolle tamén a Crónica sebastianense:
Pelagium filium quondam Faffilani ducis ex semine regio
Este dato resulta, así mesmo, coincidente co ofrecido por unha fonte musulmá anónima do século IX, Fath al-Andalus:
Nos días deste 'Andasa sublevouse na súa terra de Galiza un pérfido bárbaro, chamado Belay [Paio] fillo de Fávila, contra os árabes donos dos confíns do seu país.
Historiografía sobre Fávila
[editar | editar a fonte]A antiga historiografía atribuíu a Fávila o ducado de Cantabria baseándose unicamente en cronicóns casteláns, máis de medio milenio posteriores a aquela época e contraditorios en moitos aspectos coas crónicas asturianas do século IX. Esta falla de xustificación metodolóxica é salientada por Barrau-Dihigo[7] malia non ser quen de achegar ningunha outra.
Pertencía [Paio], se non a unha familia real, si polo menos a unha familia nobre e, segundo a versión máis fiábel, tivera por pai o duque Fávila, a quen os historiadores consagraron, sen razón ningunha, como duque de Cantabria.
Claudio Sánchez-Albornoz admite que Paio era fillo dun duque, mais sinala, perante a falla de información da Crónica albeldense: «ignoramos de onde era duque Fávila».[8] Gonzalo Martínez Díez concorda coa opinión de Sánchez-Albornoz xa que en fonte ningunha se menciona o ducado que gobernou e, de feito, non consta que chegase a estar á fronte de ducado ningún. Opina que «o máis probábel é que se tratase dun dos varios duques integrados na Curia rexia ou Palatium, que acompañaban e asesoraban o rei visigodo».[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «Á hora de analizar o carácter da monarquía ástur non nos debemos deixar enganar polas parcas, mais interesadas (neogoticismo) informacións das crónicas asturianas, que tratan de exaltar a figura real».[4]
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Martínez Díez 2005, p. 62, vol. I.
- ↑ Suárez Fernández 2004, p. 124.
- ↑ Settipani 2004, p. 126.
- ↑ Menéndez Bueyes 1995, p. 178.
- ↑ Martínez Díez 2005, pp. 61–63, vol. I.
- ↑ Martínez Díez 2005, p. 62.
- ↑ Barrau-Dihigo 1989.
- ↑ Sánchez-Albornoz 1985.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barrau-Dihigo, L. (1989). Historia política del reino asturiano (718-910). Prólogo de Francisco Javier Fernández Conde. Tradutor, Eugenio Fuentes. Xixón: Silveiro Cañada. ISBN 8472862739.
- Benito Ruano, Eloy; Fernández Conde, Francisco Javier (1979). Historia de Asturias. IV. Alta Edad Media. Salinas. ISBN 8474110653.
- Castillo Álvarez, Arcadio del; Montenegro Valentín, Julia (1995). "De nuevo sobre don Pelayo y los orígenes de la Reconquista". Espacio, tiempo y forma. Serie II, Historia antigua (UNED. Facultad de Geografía e historia) (8): 507–520. ISSN 1130-1082.
- Castillo Álvarez, Arcadio del; Montenegro Valentín, Julia (1992). "Don Pelayo y los orígenes de la Reconquista". Hispania: revista Española de Historia (C.S.I.C.) 52 (180): 5–32. ISSN 0018-2141.
- Martínez Díez, Gonzalo (2005). El Condado de Castilla (711-1038): la historia frente a la leyenda. 2 tomos. Valladolid. ISBN 84-9718-275-8.
- Menéndez Bueyes, Luis Ramón (2001). Reflexiones críticas sobre el origen del reino de Asturias. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. ISBN 8478009337.
- Menéndez Bueyes, Luis Ramón (1995). "Transformaciones y evolución en la Asturias Transmontana: De la Romanización al Reino de Asturias". Férvedes (Lugo: Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Villalba. Servicio de Publicacions) (2): 176–179. ISSN 1134-6787.
- Sánchez-Albornoz, Claudio (1985). El Reino de Asturias. Orígenes de la nación española. Biblioteca de la historia, 8. Madrid: Sarpe. ISBN 8459904156.
- Settipani, Christian (2004). La noblesse du Midi carolingien: etúdes sur quelques grands familles d’Acquitaine et du Languedoc du IXe au XIe siècle, Toulousain, Perigord, Limousin, Poitou, Auvergne (en francés). Oxford: Oxfor Unit for Prosopographical Research. ISBN 9781900934046.
- Suárez Fernández, Luis (2004). "Los fundamentos medievales de la nación española". Tópicos y realidades de la Edad Media (III). Madrid: Real Academia de la Historia. ISBN 84-95983-51-6.